1 de novembro de 1927
Nace a entomóloga Clare R. Baltazar. Descubriu 108 especies e oito xéneros novos de avespas parasitas. O seu traballo axudou moito ao control de pragas en Filipinas
2 de novembro de 1909
Nace a física Katharina Boll-Dornberger. Introduciu o concepto matemático de grupoide para describir cristais desordenados. Estudou estruturas orgánicas e inorgánicas e mellorou os métodos de difracción
3 de novembro de 1889
Nace a neuróloga Łucja Frey. Descubriu en 1923 a síndrome que posteriormente se chamou síndrome de Frey: ao comer, algunhas persoas senten suor e calor nunha meixela por dano nervioso
4 de novembro de 1921
Nace a enxeñeira química Mary Sherman Morgan. Inventou o combustible líquido hydyne, que impulsou o foguete Jupiter-C e axudou a lanzar o primeiro satélite estadounidense, o Explorer 1
5 de novembro de 1957
Falece a enxeñeira Olive Dennis. Realizou innovacións que melloraron a comodidade das viaxes en tren, como asentos reclinables, tapizaría antimanchas ou luces que podían atenuarse pola noite
6 de novembro de 2017
A BBC designa a Quarraisha Abdool Karim, epidemióloga e cofundadora de CAPRISA (Centro para a Investigación da SIDA en Suráfrica), como unha das sete mulleres pioneiras na ciencia
7 de novembro de 1883
Con só 19 anos, Odón de Buen expón o seu traballo Apuntes geográfico-botánicos sobre la zona central de la Península Ibérica, en que inclúe formulacións precursoras da ecoloxía en España
8 de novembro de 1934
Falece o médico Carlos Chagas. Descubriu a enfermidade de Chagas, identificando o parasito Trypanosoma cruzi, o seu insecto vector e os síntomas clínicos, o cal revolucionou a medicina tropical
9 de novembro de 1876
Nace o microbiólogo Hideyo Noguchi. Foi o primeiro en obter cultivos puros de Treponema pallidum, a bacteria causante da sífilis, nun medio de cultivo puro, avanzando no seu diagnóstico
10 de novembro de 2005
A investigadora e viróloga Mireille Dosso é galardoada coa Medalla UNESCO/Institut Pasteur polo seu destacado labor en microbioloxía e saúde pública en África occidental
11 de novembro de 1866
Nace a química Martha Annie Whiteley. Durante a Primeira Guerra Mundial participou no desenvolvemento de gas mostaza e na síntese de anestésicos como procaína e fenacetina
12 de novembro de 1906
Alberto Santos Dumont gaña o premio do Aeroclub de Francia ao establecer o primeiro récord de distancia de voo: 220 metros
13 de novembro de 1987
Phillip Tobias, paleoantropólogo, recibiu o Premio Balzan de Antropoloxía Física polo seu traballo nos sitios de fósiles de homínidos de Suráfrica, fundamentais para entender a evolución humana
14 de novembro de 2003
Descóbrese Sedna, un obxecto situado máis alá de Neptuno, o corpo menor do Sistema Solar, número 90377. Foi detectado desde o observatorio do monte Palomar (California)
15 de novembro de 1967
Publícase na revista científica PNAS o descubrimento dos fitocromos, pigmentos que lles permiten ás plantas detectaren a luz vermella e vermella afastada, que regulan o seu crecemento e desenvolvemento
16 de novembro de 1921
Nace a farmacóloga Eva King Killam. Investigou como os fármacos afectan ao cerebro e ao comportamento. Estudou a epilepsia, a dependencia de opiáceos e estruturas cerebrais como o hipocampo
17 de novembro de 1970
Douglas Engelbart patenta o indicador de posición X-Y para pantallas ou rato de ordenador. Inventouno para permitir seleccionar textos na pantalla e manipulalos
18 de novembro de 1923
Nace a neurocientífica Edith Graef McGeer. É coñecida polo seu traballo e contribucións á investigación da prevención e o tratamento do alzhéimer e outras doenzas neurodexenerativas
19 de novembro de 1922
Nace o lingüista, epigrafista e etnólogo Yuri Valentínovich Knórozov. Especializado na lingua maia, as súas hipóteses contribuíron enormemente ao desciframento do sistema de escritura maia
20 de novembro de 1885
Nace Berta de Haas-Lorentz. Foi a primeira persoa en estudar teoricamente as flutuacións térmicas en circuítos eléctricos, considerando os electróns como partículas brownianas
21 de novembro de 1902
Nace a astrónoma Elena Kazimirtchak-Polonskaïa. É coñecida polos seus estudos sobre as perturbacións de meteoros e demostrar a influencia gravitacional de planetas xigantes como Xúpiter e Saturno
22 de novembro de 1904
Nace o físico Louis Néel. Descubriu o antiferromagnetismo e a temperatura de Néel, conceptos chave no estudo do magnetismo e aplicacións tecnolóxicas como a memoria magnética
23 de novembro de 1917
Nace a matemática Elizabeth Scott. Combinou estatística con astronomía e meteoroloxía. Descubriu o efecto Scott e promoveu a igualdade de xénero na ciencia
24 de novembro de 1926
Nace o físico Tsung-Dao Lee. Xunto a Chen-Ning Yang, descubriu que as interaccións débiles violan a simetría de paridade, un achado clave na física de partículas
25 de novembro de 1915
Albert Einstein presenta as súas ecuacións da teoría xeral da relatividade ante a Academia Prusiana das Ciencias (Alemaña)
26 de novembro de 1966
Inaugúrase a primeira planta mareomotriz do mundo. Situada no esteiro de Rance, na Bretaña, foi a primeira planta eléctrica que usaba a subida e baixada das mareas para xerar electricidade
27 de novembro de 2005
Realízase o primeiro transplante parcial de cara da historia. A paciente foi Isabelle Dinoire, unha muller francesa que sufrira graves lesións faciais logo de ser atacada polo seu can
28 de novembro de 1931
Nace a microbióloga Ángela Restrepo Moreno. Ao longo da súa dilatada carreira especializouse en doenzas causadas por fungos, o seu diagnóstico e tratamento