Un aniversario científico para cada día do ano
O Calendario Científico Escolar está dirixido principalmente ao alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria. Cada día recóllese un aniversario científico ou tecnolóxico coma, por exemplo, nacementos de persoas destes ámbitos ou conmemoracións de achados destacables.
O calendario vén acompañado dunha guía didáctica con orientacións para o seu aproveitamento educativo transversal nas clases. Estas propostas didácticas parten dos principios de inclusión, normalización e equidade e veñen acompañadas de pautas xerais de accesibilidade. Para isto, proporciónanse tarefas variadas que inclúen un amplo rango de habilidades e niveis de dificultade e que, desenvoltas de modo cooperativo, permiten que todo o alumnado faga achegas útiles e relevantes.
Para favorecer a súa difusión e a utilización nas aulas, todos os materiais están traducidos a varias linguas: castelán, galego, euskera, catalán, asturiano, aragonés, inglés, francés, esperanto e árabe.
A información cos aniversarios diarios e as ilustracións que os acompañan están dispoñibles en aberto neste repositorio. Ademais, pódense descargar o calendario e a guía (formatados en pdf e texto plano) dende a páxina web do IGM (http://www.igm.ule-csic.es/calendario-cientifico).
Esta iniciativa pretende contribuír a achegar a cultura científica á poboación máis nova e crear referentes o máis próximos posibles para eles. Por isto, fíxose un esforzo maior en dar a coñecer persoas e achados do presente que constitúan referencias para a xente nova e, ao mesmo tempo, dean unha visión de dinamismo e actualidade. Prestouse especial atención ao fomento dunha linguaxe non sexista e ao aumento da visibilidade das mulleres científicas e tecnólogas, co fin de poñer a disposición modelos referentes que promovan as vocacións científico-técnicas entre as nenas e adolescentes. Tamén se puxo un particular énfase en divulgar a actividade investigadora dos centros públicos españois.